top of page

DECRETO 202/1995, do 16 de xuño, polo que se crea o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

Os Colexios de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo solicitaron a través da Intercolexial Galega de Enxeñeiros Técnicos Industriais, a creación dun Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, de ámbito autonómico, e que terá por obxecto basicamente agrupar e coordinar os distintos colexios integrados e asumir a súa representación en cuestións de interese común profesional ante os poderes públicos autonómicos.

Para os efectos da súa constitución, achegáronse por parte dos catro colexios oficiais existentes as actas das respectivas xuntas xerais extraordinarias a través das que se acredita a vontade de constituír o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e apróbanse os estatutos que rexerán devandito consello. A creación do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais afecta directamente á Comunidade Autónoma de Galicia, que ten recoñecidas competencias exclusivas en materia de colexios profesionais, conforme ao artigo 27.29° do Estatuto de Autonomía, tal como recoñece o Consello de Estado no seu ditame do 26 de novembro de 1992. Na súa virtude, a proposta do Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dieciseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

DISPOÑO

Artigo 1°

Apróbase a creación do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, que terá a súa sede no colexio que ostente a presidencia, con ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Artigo 2°

Igualmente, apróbanse os Estatutos do referido consello que figuran como anexo a este decreto. Disposición adicional

O disposto nos títulos quinto e sexto dos devanditos Estatutos e, en xeral, a materia de posibles recursos, rexerase conforme ao previsto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo aplicarase o disposto nesa lei no relativo ao réxime xurídico dos órganos colexiados, sen prexuízo das peculiaridades organizativas do seu Estatuto.

Disposición final

O presente decreto entrará en vigor ao día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Santiago de Compostela, dieciseis de xuño de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes​

Decreto de Creación

bottom of page