top of page
  • Foto del escritorCGETI

CGETI PARTICIPA NA ORGANIZACIÓN DO II CONGRESO DE PRL E SEGURIDADE INDUSTRIAL


Na súa segunda edición, o Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais e Seguridade Industrial 4.0, constitúe un punto de encontro entre profesionais para concienciar sobre a importancia de ter en conta aspectos de prevención e seguridade na nova Industria 4.0. O encontro celebrarase no Centro Social AFUNDACIÓN de Vigo os próximos 18 e 19 de outubro e está organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) da Xunta de Galicia, a Asociación Galega de Empresas de Enxeñería, Consultoría e Servizos Tecnolóxicos (AGEINCO), a Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (APROSAL) e o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (CGETI). Na presentación, o vicepresidente do CGETI, Jorge Cerqueiro Pequeno, explicou que o congreso pretende ser “un lugar de encontro para os distintos profesionais que desenvolven a súa actividade nos ámbitos da prevención de riscos laborais e a seguridade industrial”, para que poidan coñecer as opcións e ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías, así como aprender de primeira man da experiencia de empresas e provedores na súa implantación. Carlos Martínez Curral, presidente de APROSAL, expuxo que o congreso trata de dar resposta aos “ prevencionistas” sobre novos coñecementos respecto da Industria 4.0 e como afecta os traballadores e ás empresas. Daniel Prieto Renda, vicepresidente de AGEINCO, coincidiu cos demais responsables do congreso sobre que a temática do congreso é “vital para que o grao de avance e calidade da enxeñería galega sexa recoñecida ao máis alto nivel internacional”. Por último, Adela Quinza-Torroja, directora do ISSGA, valorou este congreso como unha necesidade para “compartir coñecementos en prevención de riscos laborais en foros temáticos especializados”, e agradeceu a implicación das distintas entidades neste congreso. As dúas xornadas do evento contarán con máis de quince relatores, profesionais relevantes en importantes empresas como MECALUX, FAURECIA, OMRON, PSA, expertos en prevención e seguridade, centros tecnolóxicos e da administración que abordarán os principais desafíos que presenta a PRL e a Seguridade na Industria 4.0: implantación de robots colaborativos, exoesqueletos, drons, almacéns automáticos, vehículo eléctrico, sistemas de detección de peóns, entre outros. Cabe destacar o relatorio de Israel Benavides, enxeñeiro encargado do proxecto de exoesqueletos de FORD, compañía pioneira no uso desta tecnoloxía para a mellora da saúde e a ergonomía dos operarios. Comezaron o proxecto a principios do 2017 e levan realizando experimentos con distintos prototipos de exoesqueletos para costas e ombreiros con múltiples horas de test que lles permitiu chegar a interesantes conclusións que compartirá no Congreso. Respecto ao uso de robots, contaremos coa experiencia de Iñaki Maurtua quen participou no proxecto europeo FourByThree (H2020) para conseguir crear robots colaborativos en aplicacións de fabricación que cumpran 4 requisitos: modularidad, facilidade de uso, seguridade e eficiencia. O experto en produtividade persoal Iago Fraga falará sobre as oportunidades e ameazas para os prevencionistas neste novo ecosistema 4.0. Ademais, o Secretario Xeral de PESI, Javier Larrañeta falará sobre a importancia da I+D+i para a seguridade na Industria 4.0. Os asistentes poderán participar en mesas redondas dinámicas e abertas nas que poderán introducir as súas inquietudes. Debaterase sobre o rol das institucións na promoción da Seguridade 4.0 e a aplicación das novas tecnoloxías para a prevención e seguridade industrial. O 2º Congreso Internacional de PRL e Seguridade Industrial 4.0 conta ademais coa colaboración do Concello de Vigo e o patrocinio de GTG ENXEÑEIROS, enxeñería especializada en servizos e equipos de seguridade industrial, CÍES ATLÁNTICO, consultoría técnica de seguridade e saúde laboral, OMRON, fabricantes de compoñentes de automatización industrial e GRUPO CTGA, especializados en desenvolvemento de xestión documental de seguridade.

A asistencia é gratuíta previa inscrición. Máis información e inscricións a través da WEB DO 2º CONGRESO INTERNACIONAL DE PRL E SEGURIDADE INDUSTRIAL 4.0

42 visualizaciones0 comentarios
bottom of page