top of page
  • Foto del escritorCGETI

EE.TT.II. APORTAN SOLUCIÓNS NO EIDO DA CALIDADE DO AR PARA CONTRIBUIREN À LOITA CONTRA DA COVID-19


Os Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña, de Lugo, de Ourense e de Vigo, veñen de fornecer conxuntamente suas achegas e solucións técnicas no eido da calidade do ar con o obxectivo de loitar contra da pandemia do COVID-19, cara a sua inclusión nun “Libro Branco das Profisións Colexiadas para a Reconstrucción de Galicia diante da Covid19” que ten previsto editar axiña a Unión Profisional de Galicia.

A aportación técnica baséase nos traballos levados adiante polo Comité de Expertos de Ventilación (CExHVAC) constituido no Consello Xeral da Enxeñería Técnica Industrial de España (COGITI) que está coordenado polo Enxeñeiro Técnico Industrial galego José López Padrón.

Dende os inicios da crise provocada pola pandemia, os Enxeñeiros Técnicos Industriais, a través das súas organizacións colexiais, entre as que se atopan os catro colexios galegos, emprendeu diversas actuacións encamiñadas a contribuíren positivamente na loita contra da pandemia, con accións dirixidas tanto ao propio colectivo como a toda a sociedade.

Entre as devanditas actuacións, tomou especial relevancia a relacionada coa calidade do aire interior (CAI) en espazos pechados e, en consecuencia, prestóuselle especial dedicación realizándose desde o Comité de Expertos de Ventilación de COGITI estudos específicos en centros educativos, por ser un dos sectores craves na xestión das repercusións sociais da pandemia e porque os seus usuarios son o futuro da nosa sociedade. Loxicamente, as conclusións obtidas son de aplicación para outros establecementos tales como residencias, centros de saúde, oficinas, locais de pública concorrencia, etc. Pódese ver AQUÍ o documento achegado a UPdG.

O Comité de Expertos de Ventilación, prosegue seus estudos avogando por unha solución definitiva à mala calidade do ar nas aulas propoñendo a utilización de parte dos fondos de recuperación europeus para a instalación de sistemas de ventilación mecánica con recuperación de calor, que compatibilicen a saúde, a eficiencia enerxética, o confort climático e o medio ambiente, segundo fixo público COGITI estes días en información que se pode ver AQUÍ.

Pola sua banda, a Xunta Executiva do Consello Galego de EE.TT.II. ten previsto manter próximamente un encontro con responsábeis da Consellería de Educación para oferecer a cooperación nesta liña no eido das aulas escolares de parte dos Enxeñeiros Técnicos Industriais de Galicia, como profisión mais fondamente coñecedora desa área técnico-tecnolóxica.











50 visualizaciones0 comentarios
bottom of page